Categoría: Sen categorizar

  • FÍOS DE V·MAR

    1. Definición do proxecto

    Fíos de V·Mar é un proxecto de comercio electrónico de carácter educativo, sostible e solidario, promovido desde o Colexio Fillas de María Inmaculada de Vigo.

    A proposta baséase no deseño e comercialización de produtos con identidade propia, principalmente camisetas e outros artigos téxtiles, aos que se poderán incorporar progresivamente outros produtos deseñados ou elaborados polo alumnado.

    As coleccións partirán de catro eixes temáticos: o legado e os valores de Santa Vicenta María, mediante citas ou adaptacións claramente identificadas; a lingua e cultura galegas, a través de expresións e mensaxes propias; Vigo e a súa vinculación co mar; e a sustentabilidade e o consumo responsable, especialmente a través das iniciativas desenvolvidas en colaboración con FUNDAMAR.

    O proxecto incorpora ademais unha dimensión de emprendemento educativo: o alumnado poderá participar en distintas fases do proceso —ideación, deseño, selección de produtos, comunicación, creación de contidos, promoción e análise da tenda—, convertendo a web nun contexto de aprendizaxe próximo a unha situación empresarial real.

    A finalidade económica queda subordinada á finalidade educativa e social. Os posibles beneficios destinaranse a fins sociais ou solidarios vinculados aos proxectos da Congregación das Relixiosas de María Inmaculada.